Friday 29 de March de 2024

Os institutos Virxe do Mar e Campo de San Alberto únense a “Musiqueando 2019” e ofrecen un concerto nas rúas de Noia


 

Os noieses foron os únicos institutos da comarca que se sumaron á campaña promovida pola Confederación de Asociacións de Educación Musical (COAEM), na que participaron 397 centros

Alumnado e profesorado do IES Virxe do Mar e do IES Campo de San Alberto de Noia sumáronse esta mañá á iniciativa #Musiqueando2019, promovida pola Confederación de Asociacións de Educación Musical (COAEM) e na que tomaron parte 397 centros de toda España, 21 deles de Galicia. Un evento ao que asistiu a concelleira de Ensino, Ángela Neri, quen felicitou á comunidade educativa “por seren os únicos da comarca que se sumaron a unha fermosa iniciativa que busca compartir con todo o mundo a música que levamos dentro e que se fai nas aulas”.

O “concerto” tivo lugar esta mañá diante do IES Virxe do Mar, onde rapaces e rapazas de ambos institutos interpretaron distintas pezas musicais, tanto instrumentais como vogais. Música de todos os estilos e con todo tipo de instrumentos: guitarras, baterías, xilófonos, frautas… e con pezas moi recoñecibles: dende “Dile a papá” de Cristina Rosenvinge ao “Misirlou” popularizado por Pulp Fiction e polo “Pump it” de Black Eyed Peas. Unhas cancións que foron moi aplaudidas polos distintos veciños e veciñas congregados no lugar ou que pasaban pola zona e se sumaron á iniciativa.

Previamente, o alumnado deu lectura a un manifesto sobre o cambio climático e fixeron un chamamento á sociedade a poñer freo ao calentamento global, a respectar o noso medio ambiente e non “roubarlles” o futuro. A de hoxe é a terceira vez consecutiva co alumnado do IES Virxe do Mar participa en Musiqueando; mentres que foi a segunda para o alumnado do IES Campo de San Alberto, quen debutara na iniciativa o pasado 2017.

O concerto celebrado hoxe en Noia, ademais de ser o único celebrado este ano na comarca do Barbanza, tivo a particularidade de reunir a dous centros escolares nun concerto conxunto, algo que só pasou hoxe en localidades como Badajoz, Ciempozuelos, Crevillent, Fraga, Pamplona e Zaragoza.

Esta é a quinta edición da xornada de concertos escolares na rúa que cada 11 de abril convocan os profesionais da Educación Musical en toda España. Unha iniciativa que este ano se convocou baixo a lenda “Musiqueando 2019 – #nosimportalamusica” e que contou coa participación de máis de 46.000 alumnos e alumnas de 397 centros de toda España, un 30% máis co ano anterior. En Galicia sumáronse un total de 21 centros educativos, dos cales só 9 foron da provincia da Coruña.